mércores, 20 de marzo de 2019

OFERTA: MONITOR EN XUVENCIENCIA

Inscríbete antes do 1 de abril para ser monitor/a en XuvenCiencia

18/03/2019





O Campus de Verán XuvenCiencia é unha actividade de divulgación científica destinada ao alumnado de 4º da ESO e de Bacharelato que ofrece a oportunidade de descubrir diferentes ramas das ciencias e da tecnoloxía.

Este proxecto conta cun equipo de monitores e monitoras voluntarias que acompañan ao alumnado preuniversitario durante as actividades, dan apoio nos obradoiros e proxectos científicos, colaboran na loxística e na creación de material audiovisual, e aprenden a realizar novas actividades de forma lúdica e divertida. Na propia web podes ver as actividades das edicións anteriores do Campus de Verán XuvenCiencia

A participación no Monitorado Científico implica un compromiso activo do alumnado universitario que axuda a descubrir as vocacións científicas entre o alumnado pre-universitario.

Buscamos persoas con inquedanzas nas áreas científico-técnicas ou científico-sociais, que cursen estudos de Grao, Máster, Doutoramento ou de Formación Profesional, dispostas a implicarse coa organización do Campus de Verán que se celebra do 1 ao 5 de xullo en Lugo.

Darase prioridade ao alumnado con maior interese, á afinidade cos estudos cursados, a dispoñibilidade nas datas sinaladas, ter experiencia como “xuvencientífico/a” ou como voluntario/a en edicións anteriores.

O alumnado que forme parte do Monitorado Científico contará coa cobertura da póliza de seguro de voluntariado, o aloxamento e a manutención durante os días de actividade e ao finalizar recibirá o certificado de participación na VII edición do Campus de Verán Xuvenciencia.

A xornada de formación presencial terá lugar no Campus de Lugo nunha única data das citadas a continuación:


Opción a: venres 12 de abril de 18.00 a 20.30 horas e sábado 13 de 9.00 a 14.00 horas
Opción b: sábado 6 de abril de 9.00 a 18.30 horas
Opción c: sábado 27 de abril de 9.00 a 18.30 horas



A formación presencial é de carácter obrigatorio polo que o alumnado que non acuda pasará a formar parte da lista de reserva. No formulario de pre-inscrición deberá indicarse a dispoñibilidade para cada unha das datas posibles.

O alumnado que cursa estudos de grao pode solicitar recoñecemento académico con créditos optativos pola súa participación no Monitorado Científico do Campus de Verán XuvenCiencia. O recoñecemento académico das actividades desenvolvidas no programa de voluntariado complétase con dez horas formación non presencial. No primeiro crédito compútanse as horas de formación e de participación nas actividades. A partir do segundo recoñecerase 1 crédito optativo por cada vinte cinco horas de colaboración. De ter realizado o Curso en liña de iniciación ao voluntariado e a cooperación (USC) terase validada a formación obrigatoria e o cómputo de horas será o de 1 ECTS por cada vinte cinco horas.

O Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo é unha actividade divulgativa promovida e organizada polo Grupo XuvenCiencia da USC, que ofrece a oportunidade ter un contacto directo con diversas ramas das ciencias e da tecnoloxía. Esta iniciativa está coordinada pola profesora da Facultade de Ciencias en Lugo Mercedes Novo Rodríguez, e desenvolvida en colaboración co profesorado de diversas especialidades das cinco grandes áreas de coñecemento. A súa finalidade é espertar o interese polas vocacións científicas entre o alumnado de últimos cursos de secundaria e bacharelato.
Prazos

A pre-inscrición debe realizarse antes do 1 de abril a través do formulario de inscrición Monitorado científico.

A data definitiva da sesión de formación presencial en Lugo publicarase o 3 de abril na páxina do SEPIU e na do Campus de Verán de XuvenCiencia.

O prazo de entrega das tarefas de recoñecemento académico remata o 14 de xuño, excepto a memoria que se entregará ao finalizar o Campus de Verán.

Pre-inscrición

Se tes algunha dúbida coa pre-inscrición podes consultala contactando con sepiu.lugo@usc.es

Formulario Monitorado Científico Campus de Verán XuvenCiencia
Documentación

O alumnado que resulte seleccionado para participar no monitorado do Campus de Verán XuvenCiencia deberá entregar durante a xornada presencial en abril a documentación para formalizar a inscrición.

Documentación necesaria:

Documento de identidade (DNI, NIE ou pasaporte)
Foto de carné
Copia da matrícula no caso de estar cursando estudos alleos á USC
Certificado de carencia de delitos de natureza sexual, obrigatorio ao tratarse dun programa con menores. Acceso para a súa tramitación electrónica
Información

SEPIU Servizo de Participación e Integración Universitaria

Servizos Centrais do Campus de Lugo. Edificio Biblioteca Intercentros

Teléfono: 982 823 594
Correo electrónico: sepiu.lugo@usc.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario